Sunday 05 de May de 2024

Tastarabás Teatro pechará este domingo a XII Mostra de Teatro de Lousame cunha nova reprsentación de “Trastes… a conciencia”


A compañía de teatro afeccionado de Lousame, Tastarabás Teatro, será a encargada de pechar a XII Mostra de Teatro Afeccionado Concello de Lousame, que organizou a Asociación Cultural Toxos e Carrouchas en colaboración coa Concellería de Cultura de Lousame e a Deputación da Coruña. O grupo de teatro afeccionado de Lousame volverá a poñer en escea a súa comedia “Trastes… a conciencia” este domingo 20 de novembro, ás 19:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Lousame.

Tastarabás Teatro substituirá así ao grupo inicialmente previsto, Tolemia Tearo, que escusou a súa presenza polo falecemento dun dos seus actores. Ante esta situación, a organización da Mostra decidiu apostar por unha nova representación de Tastarabás Teatro, sobre todo porque a súa primeira actuación reuniu a preto de 150 persoas na Casa da Cultura e máis de corenta veciños e veciñas non puideron seguir a actuación debido a que o aforo xa estaba totalmente cuberto.

“Trastes… a conciencia” é un espectáculo escrito e dirixido por Gustavo G. Dieste e protagonizado por Paula Moledo, Noelia González, Cayetano Pais, Adriana Castro, Suso Tubío, Marisol Creo, Rosa Baña e Ángeles Rial.